mércores, 28 de setembro de 2016

Tolos pola Ciencia


Pois... xa nos decidimos !

Este ano, o noso Proxecto Anual estará dedicado ao mundo das CIENCIAS.

Seguro que vai resultar gratificante para todos e todas, porque aprenderemos a través de experiencias que combinen o rigor científico co entretemento.
A ciencia non é unha actividade alonxada das actividades cotiás. Está ao noso redor e cada día utilizamos o pensamento científico  elaborando  hipóteses (que palabra máis rara!)  comprobándoas mediante o método de proba+erro e facendo preguntas, moooitas preguntas.
Así é como descubrimos  o mundo  que nos rodea e as súas leis.

Efrén xa ten preparado o laboratorio e todos os seus trebellos para demostrar que se pode aprender pasándoo de marabilla.

domingo, 25 de setembro de 2016

Ola de novo ...

Ola, amigas e amigos, 
Aqui estamos outra vez tralo descanso do verán, tralas horas de piscina ou de praia (que este ano abofé que foron moitas, grazas ao tempo que veu) e tralas horas pasadas diante das tabletas, ordenadores e consolas... e estou seguro de que  diante dalgún bo libro...
Comezamos, coma sempre con moitas gañas de falar, escoitar, descubrir novas cousas, relacionar a aprendizaxe teórica coa súa aplicación real... é dicir,  APRENDER.

Xa  estou preparando os carnés dos novos lectores e novas lectoras e comecei a preparar as mochilas viaxeiras. Agora estamos moi ocupados decidindo en que proxecto imos traballar este curso. 
Xa vos irei contando...

Vémonos na Biblio!