venres, 27 de novembro de 2015

Balbino está triste

L. Dávila - Faro de Vigo 2015
Hoxe Balbino está triste... 
Triste coma nós! 
Triste porque lle tivo que dicir adeus ao seu "pai", a persoa que o creou para o noso disfrute alá polo ano 1961. 
E é que a un pai, aínda que sexa literario, sempre custa dicirlle adeus ... 
E diredes... ¿quen é Balbino? 
Pois o personaxe protagonista do libro "Memorias dun neno labrego", o primeiro "best-seller" galego, escrito por Xosé Neira Vilas.
As súas primeiras verbas pasarán a historia:
 «Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre».
 A historia de Balbino é o testemuño da vida rural en Galicia nun tempo pasado. 
Durante décadas foi unha lectura cotiá para os alumnos en moitas escolas galegas. 
Foi traducida ao castelán, inglés, francés, alemán, checo, ruso e outros idiomas.

Se queredes saber máis sobre Xosé Neira Vilas, picade nas imaxes: 

                                        


Escoitade a súa voz:



Tamén podedes aproveitar para aprender máis sobre este libro con este LIM do CEIP Friáns- Teis




mércores, 25 de novembro de 2015

Con igualdade


O término "sexo" refírese ás diferenzas biolóxicas entre homes e mulleres, mentras que o término "xénero" fai referencia ás funcións e dereitos de cada un definidos pola sociedade.

Definimos "xénero" como "un conxunto de ideas, crenzas e roles sociais construídos en cada cultura tomando como base as diferenzas sexuais". A partires disto, elaboraronse os conceptos de "masculinidade" e "feminidade" que se foron transmitindo de xeración en xeración e aínda hoxe determinan o comportamento, as funcións, as oportunidades, a valoración e as relacións entre mulleres e homes e... entre nenas e nenos.

Incluso os máis pequenos actos son pasos importantes para chegar a solucionar este problema. Por iso  no cole damos unha grande importancia a coeducación en todas as actividades e tarefas  que levamos a cabo, procurando non cair en estereotipos e  fomentando as relacións baseadas no respecto, a tolerancia e o diálogo.

  Esta semana dedicámola a traballar en prol da IGUALDADE para tratar de erradicar do noso arredor a violencia contra as mulleres , que segue sendo a expresión máis extrema da desigualdade existente na sociedade na que vivimos.

Dende a biblioteca, recomendamos os seguintes títulos para Ler pola Igualdade 

Ademáis, nas aulas, levamos a cabo obradoiros de ... 

  • Contos coeducativos
  • Xogos para reflexionar sobre Bo Trato e Mal Trato 



venres, 13 de novembro de 2015

Toma castañas!!


"Morreron as castañas queimadas no lume,

a bota está xa sen folgos e o garrafón non pesa;
máis aínda derredor da cinza na fogueira sen lume
estoupan as risas nas gorxas novas"
                                            (Florentino L. Cuevillas)

as risas estouparon e as castañas morreron  no patio do colexio! 

Primeiro,  cos xogos que argallou o profe Iván e logo ao redor da fogueira que as mamás da AMPA prenderon con moito agarimo.


O aire  levou o recendo das castañas asadas. Os nenos e nenas non faltaron ao seu divertido costume de coller un puño de cinza e tisnar  as caras uns a outros ( @s profes  tampouco  quedaron sen tisnar...)


 Entre tizóns, castañas,  carreiras e berros,  foi  transcorrendo  unha tarde solleira,  en torno ao lume,  na que tentamos manter viva unha tradición que se remonta aos tempos da Prehistoria.

                     

mércores, 11 de novembro de 2015

Outono no cole

Os"peques" deron a benvida ao outono recollendo follas e facendo colares:


Outono2015 - Kizoa Movie Maker

E tamén, xunto cos de primeiro e segundo, recrearon a vendima. Aprenderon como se fai o mosto, a que ule e como sabe ... e moitas cousas máis, como comprobaredes nas fotos de embaixo.

luns, 9 de novembro de 2015

Sen castañas, non hai magosto


 "Alto me vexo
no meu capelexo
por unha risada
quedei sen nada"

Esta é unha das adiviñas que me ensinou a miña bisavoa cando era nena.
Aínda que non vos dera pistas, saberiades que o que fala é o ourizo que  ao abrirse. deixa caer a castaña.

Moitas castañas xa abandonaron o seu carapucho e están ciscadas nos soutos, outras xa foron apañadas e xa as estamos disfrutando asadas, cocidas ou en doces máis elaborados. 

Como todos os anos neste tempo de outono celebramos a festa das castañas na casa e no cole.

Esta vez decidimos facer un traballo de investigación sobre o  magosto: os preparativos da festa, como se celebra, por que, a orixe dos castiñeiros, zonas de Galicia onde abonda esta árbore, a colleita de castañas...

 Entre todos, falaremos sobre o que sabemos sobre o tema, consultaremos páxinas web e  bibliografia diversa que atoparedes picando na imaxe de embaixo




Canto máis coñecemos as nosas tradicións, moito máis as disfrutamos.

martes, 3 de novembro de 2015

Escola de Monstros

"Escola de Monstros"  é o título que escollemos para a historieta que inventamos coas fotos da celebración do SAMAÍN...

A ver se recoñecedes a algunha das "criaturas" que viñeron á escola ese día...

Lede, lede...



domingo, 1 de novembro de 2015

SAMAÍN


Ola, nenas e nenos...

        Contade, contade...

                 Despois de beber a apócema ...


Sobrevivistes á noite dos mortos?
Aínda estades posuíd@s por algún espíritu?
Máis vale que o digades!!!
Algún de vos, quizais espertou convertido nun monstro peludo...
Imaxinade o "cole" cheíño de arañas, morcegos e píntegas
Nunca volveredes ser coma antes ....
                                                    HA HA HA HA HA

E agora... , se vos atrevedes,  podedes mirar esta curta... 
"A aventura de Nera"

sábado, 24 de outubro de 2015

A Biblio celebra o seu DÍA

DÍA DA BIBLIOTECA celébrase en todo o estado e serve para dar visibilidade a todas e cada unha das bibliotecas que abren as súas portas día a día para acoller ás persoas en procura de lectura e de coñecementopero tamén de espazos "amigables" nos que compartir experiencias lectoras, pensar e traballar xunto con outros en proxectos diversos.

A nosa Biblioteca, coma todas as bibliotecas escolares celebra todos os días a súa existencia, e  arredor desta data, e durante todo o mes de outubro,  levamos a cabo actividades dedicadas a dar a coñecer as súas posibilidades, ensinar ao alumnado a usar os seus recursos e animar a grandes e pequenos a que aproveiten as súas oportunidades: libros, materiais audiovisuais, recursos electrónicos, equipamentos, espazos atractivos, actividades motivadoras ( lecturas compartidas, acompañamentos lectores, hora do conto,  mochilas viaxeiras, exposicións e presentacións de traballos,  formación de usuarios e usuarias, "aprender a investigar"... ).

As bibliotecas poden considerarse unha  base de exploración persoal e colectiva, o inicio de viaxes reais ou imaxinarias, o espazo de encontro consigo mesmo e cos outros. (Texto adaptado do Blog De Bibliotecas Escolares  de Galicia)

Embaixo podedes ver as fotos dos máis pequenos coas súas madriñas e padriños lectores . 
Porque... O mellor regalo que lle podes facer a alguén é o TEU TEMPO. 
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This picture slideshow personalized with Smilebox

E, como este curso, o tema do noso Proxecto Anual é o mundo das historietas, os nenos e nenas convertéronse en personaxes de cómic para agasallar á Biblioteca no seu DIA  dedicándolle unhas palabras ben fermosas:

xoves, 22 de outubro de 2015

Felices Lecturas

Achégase o Día da Biblioteca e tod@s andamos moi ocupados preparando os nosos agasallos .

Agasallos para ese lugar tan especial para nós, que celebra o seu DÍA con maiúsculas e tamén para @s compañei@s, sobre todo para @s máis pequen@s, para animal@s a achegarse aos libros, os nosos amigos máis máxicos.

As nenas e nenos de cuarto inventaron un rap e os de quinto e sexto inventaron a letra dunha canción para a Biblioteca (coa música da canción de Status Quo "Whatever you want" )




Gustame ler from Efren Esquio on Vimeo.

As madriñas e padriños lectores xa tiñan preparadas as súas tarxetas de presentación para @s afillad@s,  e hoxe na hora de recreo levamos a cabo o sorteo.


Tarxetas Madriñas e Padriños Lectores


 Tod@s agardaban este momento con moita ilusión,  sobre todo @s que xa viviron esta experiencia noutras ocasións...


Mañà venres viviremos outra vez a emoción das Lecturas Compartidas. 
Seguro que o tempo acompaña e podemos saír ao patio, sentarnos á sombra dunha árbore e disfrutar facendo disfrutar aos compañeiros da maxia da lectura dun conto... 

xoves, 1 de outubro de 2015

Chincha Rabincha

Unha vez máis, grazas ao Concello de Toén, os títeres de "A Xanela do Maxín" fixeron que a biblioteca do cole se convertera nun auténtico teatro.
Compartiron connosco historias e aventuras e regaláronnos momentos inesquecibles.

Tod@s disfrutamos co espectáculo "Chincha Rabincha" que nos ensinou o truco para rematar cos pesadelos que atormentan aos nenos e nenas polas noites.

martes, 15 de setembro de 2015

A raíña do misterio: Agatha Christie




Tal día coma hoxe, hai  125 anos,  nacía Agatha Christie, unha das escritoras máis exitosas de todos os tempos. 
Está considerada coma unha das máis grandes figuras  na difícil arte do suspense.
En 1920 fixo o seu debut no mundo das letras coa novela "O misterioso caso de Styles", onde coñeceriamos ao seu personaxe máis famoso : o detective belga Hercules Poirot.

Da súa pluma sairon obras como "Asesinato no Orient Express" (1934) unha das máis populares e que foi levada ao cine en varias ocasións, "Morte no Nilo" (1937), "O asasinato de Roxelio Ackroyd "...

Agatha Christie escribiu máis de 150 contos, 80 novelas e 21 obras de teatro, entre as que destaca "A ratoeira" que estivo en cartel durante máis de 60 anos

Con motivo do seu aniversario, estanse a preparar varios eventos para homenaxear a escritora en todo o mundo.





Demostra as tuas dotes de investigador/a ...
Es quen de descubrir o "Misterio no Xardín Botánico?

Pica na imaxe, examina as pistas e... entrega na Biblioteca o resultado da túa investigación. 

Un agasallo está agardando por ti...

martes, 8 de setembro de 2015

Volta ao cole...




    Transcurrido o periodo de descanso estival, toca retomar as nosas tarefas.

   E trataremos de facelo con ilusión, alegría e entusiasmo continuando coa nosa liña de acción enfocada ao traballo conxunto entre a escola e a familia,  participando todas e todos na educación d@s nos@s nen@s.


    Un ano máis, so nos queda darvos as grazas pola vosa confianza.


mércores, 27 de maio de 2015

Conto musical

Tod@s coñecemos os beneficos da lectura e ninguén dubida deles.
LER, ademais de ser un perfecto exercicio para o cerebro, permite que nos esquezamos dos problemas, potencia a concentración, fomenta a imaxinación e libera os soños... 
Unha longa lista de aspectos positivos que a lectura comparte coa música. 

Existen numerosos estudios que determinan que a música ten unha influencia moi positiva no desenvolvemento intelectual, cognitivo, creativo e psicolóxico dos cativos.
 Algúns científicos probaron que estimula o hemisferio esquerdo do noso cerebro, que é o que se encarga das actividades básicas da aprendizaxe da lingua, a escritura, os números e o uso da lóxica.

Entón, por que non xuntar os contos e a música?

Os contos chaman a atención e fan disfrutar tanto aos nen@s como aos maiores e, se están acompañados de música, máis aínda.

Por iso os contos  musicais son un recurso moi valioso: porque se basean na asociación palabra-son,   favorecen a atención e  a concentración e propician nos que escoitan un ambiente máxico  que incentiva a fantasía e a imaxinación. 

A música invita a ler e a lectura permítenos disfrutar, valorar e emocionarnos coa música.

 Toda esta introdución é para presentar a tres profesores do Conservatorio de Música  que viñeron a ensinarnos como soan os seus instrumentos : o trombón, o bombardino e a tuba. 
E fixérono cun conto musical titulado "Un paseo musical coa familia grave do vento-metal". 

Nós ilustrámolo e puxémoslle voz. A ver si vos gusta:



venres, 22 de maio de 2015

A festa do Galego

A festa das Letras Galegas, a Festa do Galego  adiantouse dous días na nosa escola. 

Como ven sendo habitual os últimos anos, celebramos o Día cunha romaría popular


 Todas as  nenas e nenos da escola viñeron vestidos coas súas mellores galas tradicionais,.. E moitos papás e mamás tamén. 
Tivemos un festival no que participou todo o colexio e que viñamos preparando dende hai mais dun mes. 
Houbo cancións, obras de teatro, bailes e rematamos o acto cantando tod@s xunt@s o Himno de Galicia.
Moitas nais, pais, avós, avoas ... e demais familia ... achegáronse ver as nosas actuacións. Para os que non puidestes vir, fixemos unha recompilación :

martes, 19 de maio de 2015

Letras Galegas: Xosé F. Filgueira Valverde


O Homenaxeado do Día das Letras Galegas 2015 é Xosé F. Filgueira Valverde, historiador, escritor, político, etnógrafo e poeta que naceu en Pontevedra en 1906 e faleceu en 1996 ós 89 anos de idade.

Son moitos os campos do saber que abarcou Filgueira Valverde. Escribiu máis de 300 libros e milleiros de artigos, pronunciou discursos e conferencias... 


Para saber mais sobre este personaxe ou comprobar o que tendes aprendido, podedes visitar as seguintes ligazóns:


Visitamos unha exposición pictórica

 Acompañados polos "profes" achegámonos a exposición  "O bodegón oculto-  A natureza morta na arte contemporánea galega" no Centro cultural  ABANCA .  

Un bodegón, tamén coñecido como natureza morta, é unha obra de arte que representa animais, flores e outros obxectos, que poden ser naturais (froitas, comida, plantas, rochas ou cunchas) ou feitos por unha persoa (utensilios de cociña, de mesa ou de casa, antigüidades, libros, xoias, moedas, instrumentos, libros etc.) situados nun espacio determinado.

A exposición estaba formada por 33 obras de artistas galegos como Luis Seoane, X. Prieto Nespereira, Suso Fandiño e moitos outros .  A través deles observamos  os cambios que se foron producindo na arte a través dos  bodegóns. 

mércores, 6 de maio de 2015

O maio

Todos os pobos ao longo da historia sentiron unha grande admiración polo renacer cíclico do mundo vexetal, asi como polo fin do inverno e a chegada do bo tempo, cando a maioría das plantas dan froito.
Por esta razón, todos os pobos celebraban festas e ritos encamiñados a celebrar a fin da estación fría, a festexar a aparición dos primeiros froitos e a conseguir unha abundante colleita .
Como sabedes, isto é o que se quere representar coa construcción do MAIO
E nós non queremos que se esqueza esta antiga tradición.
Por iso, saímos ao monte co "profe Miguel" e collemos xestas, uces e carrabouxos (musgo non, porque non se pode arrincar). 
Con todo ese material fixemos o noso maio piramidal, compuxemos as coplas cun chisco de retranca (pero tamén con moito agarimo) como manda a tradición, e levámolo en andas por todas as clases para que @s compañeir@s viran a nosa obra.



O maio by Slidely Slideshow

Escoitade as nosas coplas:

Contacontos con música


Encántanos recibir visitas...
E mais si se trata dun contacontos...
E moito máis se o conto vai acompañado de música...
Héctor Lorenzo e a súa guitarra estiveron no cole para ledicia de tod@s @s nen@s .
Trouxo algúns poemas escritos por Raul Pato e musicados por él mesmo. Así fomos quen de comprobar o  ben que soa a poesía  cando vai acompañada da música.
Axiña aprendemos algún destes versos, e o mellor é que ... aínda seguemos cantando o "ris ras, ris ras"...



Hector Lorenzo by Slidely Slideshow

E así cantamos:



Versións Libr@s

 Así como moitas películas teñen remakes e moitos libros contan cunha versión cinematográfica (ás veces non moi axeitada, por certo),  nós non quixemos ser menos e propuxemos aos nenos e nenas que fixeran versións ... nada máis e nada menos que de CADROS FAMOSOS: que nos ofrecesen a súa propia versión de varias obras maestras da arte universal.
Eso si, o único requisito era que colocaran un libro no cadro para que a lectura fora a protagonista do mesmo.
E así @s nos@s artistas deron unha nova interpretación a cadros tan famosos como o "Guernica" de Picasso, "O cabaleiro da man no peito" de O Greco ou "A Gioconda" de Leonardo , representando aos seus protagonistas dedicándose ao pracer da lectura.

Todo é posible nestes cadros que fan da nosa biblioteca un lugar especial.

Presentámosvos as tres salas da nosa Galería de Arte .









<

martes, 5 de maio de 2015

Boas novas

Despois destes días de "descanso" é agradable comezar a mañá cunha noticia como a seguinte:

Desde el Centro Virtual Leer.es, del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España, ¡enhorabuena! Vuestro proyecto “Bloguesquío” ha sido distinguido con el Sello “Buena Práctica Iberoamericana Leer.es”.
Hemos dado la noticia en nuestro portal y en el apartado “Buenas prácticas” de leer.es.
Os enviamos el Sello con el enlace a Buenas Prácticas de leer.es para que podáis incluirlo en vuestro blog. 
Queremos felicitaros por vuestro trabajo. Entre todos estamos construyendo una enorme red de buenas prácticas de lectura.

Un saludo muy cordial  

E así o fixemos...
Queda incluído no noso blogue...
Podedes picar na imaxe e ler o que din de nós.
Sello de Buena Práctica Iberoamericana leer.es

luns, 4 de maio de 2015

O Día do Libro...

... hai moito que celebrar.

Nós celebramos, sobre todo, que vós, as nenas e nenos,  seguides dando vida coas vosas lecturas, aos libros que repousan nos andeis da nosa biblioteca.

Festexamos as vosas visitas durante os recreos e a vosa participación nas propostas que vos facemos;   festexamos o bo recebimento que dades ás mochilas viaxeiras, o interese que puxestes na elaboración dos lemas que adornan a nosa biblio recén remodelada e o cariño co que os de EI cantaron  a súa canción
  • Canción das nenas e nenos de E. Infantil

                     
  • Lemas 
                      


Festexamos que os libros son cada vez mellores amigos vosos e que vós sodes cada vez máis amigos dos libros.


Tamén queremos agradecervos todas as aportacións recibidas no cole trala "venta" dos marcapáxinas solidarios
Xa as fixemos chegar a ONG Save the Children  para que sigan loitando polos dereitos das nenas e nenos de Mali.

xoves, 23 de abril de 2015

Dia Mundial do Libro

O 23 de abril é un día simbólico para a literatura mundial. 
Cando falamos da festa do libro,  é habitual comezar recordando que a data elixida  débese a que o 23 de abril de  1616 morreron Cervantes e Shakespeare e esa data coincide tamén co nacemento doutros autores importantes.
Tamén é habitual recordar que a celebración  remóntase a principios do século pasado e que a idea orixinal da celebración desta data partiu de Cataluña. O 7 de outubro de 1926 foi a primeira festa do Libro. En 1930 instáurase definitivamente a data do 23 de abril como Día do LibroA historia do libro faise festiva e xurden actividades literarias en toda España. 
Adoitase recordar tamén que en 1995 o 23 de abril convértese nunha FESTA MUNDIAL: A Unesco , a proposta da Unión de Editores, decidiu render unha homenaxe ese día  "aos libros e aos autores , alentando a tod@s e en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura."
Adoitase recordar que o Día do Libro celebrouse por primeira vez a nivel mundial o 23 de abril de 1996 e que na actualidade máis de cen paises do mundo se suman a esta celebración.
O que non se adoita recordar tan frecuentemente é que o "inventor" orixinal do Día do libro foi o editor valenciano Vicente Clavel Andrés.
  Mais que libros inolvidables, que é o que cabería esperar que deixara un editor ao seu paso, Vicente Clavel legou á humanidade un día no que celebrar a lectura e o amor polos libros,
Unha máis das maxias que ten a literatura! 

domingo, 19 de abril de 2015

Festa de Reapertura


Acabamos de recibir unha carta de Efrén

E, xunto con ela, viña o video coas fotos da festa, o contoa tarta e todo o demais :

 

xoves, 16 de abril de 2015

Semana do Libro

Xa sabedes que o mes de abril é o Mes do Libro no noso cole e  en outros moitos.
Este ano, polos motivos que tod@s coñecedes (remodelación dos espazos da Biblioteca),levaremos a cabo  os actos de conmemoración desta data tan importante as últimas semanas deste mes de abril.
Aquí vos deixo o programa de actividades:


mércores, 15 de abril de 2015

Dous grandes que marcharon

Onte o mundo das letras despediu a dous grandes escritores



 Por un lado, GÜNTER GRASS, escritor alemán ao que lle foi concedido o Nobel de Literatura e o premio Príncipe de Asturias das Letras no ano 1999.
A  obra máis coñecida  deste escritor nacido en Polonia no ano 1927 é El tambor de hojalata. Ë unha novela para adultos que foi adaptada ao cine e gañou varios premios.



Eduardo Galeano  durante a súa primeira visita a Ourense
Tamén nos deixou o escritor uruguaio EDUARDO GALEANO
(Montevideo, 1940) que visitou Ourense en dúas ocasións: no ano 2008 e no 2012.
O autor contou en varias ocasións que a  mellor crítica que recibiu na súa vida fíxoa un lector de Ourense.

"Qué difícil ha de ser escribir tan sencillo", díxolle ese lector anónimo a Galeano. El quedou mirando cara o seu interlocutor e respondeulle:  "Caray, acaba de dar en el clavo". A resposta non se fixo esperar: "Leía a otros escritores, pero no entendía nada y pensaba que era un burro. Lo descubrí a usted, y ahora entiendo que no, que el problema no era mío. Habla mi idioma". E marchou

E é que os seus libros contan historias nas que se observa a súa preocupación polas inxustizas do mundo.  Outras falan  da natureza, da escola, do cine, ou dalgo tan importante coma o dereito a soñar.



Recordade que, como decía o propio Eduardo Galeano, "mucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas, puede cambiar el mundo" 
Nós  so pedimos que este dereito a soñar se faga realidade. Que os humanos entendamos que estamos de paso neste mundo e que a nosa misión non é, en absoluto, destruilo.

martes, 14 de abril de 2015

Remodelamos a Biblio

Agora si... 
 Despois de varias semanas de obras, de mover andeis e mesas, de limpar e colocar libros, de pensar e "repensar"  ...  en nada  abriremos de novo  a  Biblio!!

Como se adoita dicir: "cando unha empresa marcha ben, hai que ampliar..."
E iso é o que ocorre coa nosa biblioteca... que marcha ben, que conta cunha chea de alumn@s incondicionais que a visitan asiduamente e que fan que estea viva e medre día a día. 

Precisabamos modificar o espazo físico para conseguir unha  maior amplitude,  que permitise a mobilidade do alumnado á hora de realizar  diferentes actividades curriculares e de animación á lectura. 
Para iso,  tiramos o tabique da aula contigua e agora dispoñemos dun espazo cunha superficie o dobre de grande, con seccións ben diferenciadas e cómodas de utilizar. Tamén mellorou a disposición e a accesibilidade aos documentos e os espazos para o traballo do alumnado.

E aqui tendes o resultado:























Pronto faremos a inauguración oficial, cunha festa na que celebraremos tamén o  MES DOS LIBROS.

A ocasión ben o merece...

mércores, 25 de marzo de 2015

Día da Auga. Día das árbores

A Deputación de Ourense convidounos a  celebrar na escola estes dous días tan importantes para o noso planeta: o Día da Árbore e o Día da Auga.

Agasalláronnos cun libro "A palabra máxica" de Xosé A. Perozo, ilustrado por Viki Berre.
Narra as aventuras do trasno Beiro e a súa amiga Antela, a ninfa das augas na procura dunha bolsa de coiro  onde estaban gardados uns versos e unha música que o trasno tiña ao seu coidado.Para atopala terán que formar unha palabra máxica de dez letras e xuntar as augas de catro fontes da vida. Viaxarán no tempo ata catro lugares da provincia de Ourense onde hai mananciais de augas termais, e varias árbores axudaranos a rematar a aventura con éxito.

Os elementos máxicos_ personaxes, viaxes no tempo, mitoloxía galega_ serven para reforzar a importancia cultural das augas e as árbores na nosa terra e o poema que aparece ao final con música  de Manuel de Dios está considerado coma o Himno de Ourense.

 
HimnoOurense from Efren Esquio on Vimeo.

Como recordo deste DIA  prantamos un acivro no patio do cole:


Dia da Árbore, 2015 by Slidely Photo Gallery

sábado, 21 de marzo de 2015

Prensa e Poesía?

Resulta difícil (por non dicir imposible) atopar poesía nos xornais, onde a maioría das noticias informan da crueldade, da falta de empatía, e da cobiza das persoas. 
Por iso collemos as revistas e xornais que iamos levar a colector de papel e aprobeitámolos para convertelos en POESÍA. 
Deixámonos levar polos titulares, subtítulos, frases e palabras que nos suxerían algo e combinámolas para crear  poemas.
Esta práctica de Escritura Creativa resulta  moi interesante. Fai que as nenas e os nenos se acheguen á poesía libre, sen rima, sen estrofas... buscando só o ritmo das palabras, as sensacións ...
Parece que as palabras son as que te buscan, as que te chaman ... e o texto vaise construíndo un pouco ao azar, segundo o estado de ánimo de cada un.

mércores, 18 de marzo de 2015

Eclipse de sol: o día que se convertirá en noite

Dende tempos  ancestrais, os eclipses de sol teñen cautivado, espantado e marabillado ao ser humano.Hoxe coñecemos a razón pola que ocorren, a frecuencia e incluso se poden predicir.

Eclipse anular en 2015 // FARO
O próximo venres día 20, pola mañá, antes da entrada da primavera, poderemos observar o único eclipse de sol de 2015, e o máis importante da última década.  Galicia será a comunidade máis idónea de España para seguir o eclipse solar,  que durará unhas duas horas.
Poderá verse en algunhas partes de Europa, Asia e África, pero non en América .
Sabiades que os eclipses solares só se producen coa lúa nova, cando o satélite se atopa en liña recta entre a Terra e o Sol ?
O eclipse parcial do próximo venres será visible desde Galicia a partires das 9 da mañá e ata as 11.20 horas .

De momento descoñecemos si as condicións meteorolóxicas permitirán disfrutar do espectáculo. A lúa ocultará o sol parcialmente, un fenómeno que se pode observar en raras ocasións e que dará comenzo  ás 9 e media da mañá.


Por se ese día o ceo non está despexado,
podes seguilo dende o portal  Slooh
 que transmitirá o fenómeno "en vivo e en directo".(pica na imaxe)

Tamén o podes ver en sky-live.tv

Durante os minutos que dura un eclipse ocurren cousas curiosas.
A medida que se achega o momento de máxima ocultación, as temperaturas baixan varios graos.
As sombras vólvense alongadas. Isto nótase especialmente nas mans: os nosos dedos parece que se estiran . Fai a proba!.

Nun eclipse, nunca mires directamente ao sol 

O que nunca debemos facer é observar un eclipse sen protección (ou "protexendo" os ollos cunha radiografía, un vidro afumado ou uns lentes de sol)  porque o sol emite luz visible, que é a que captamos cos nosos ollos, pero tamén luz infravermella, que é invisible. Como a luz visible diminúe mentres se produce o eclipse, a pupila ábrese para captar máis luminosidade, deixando que penetre a infravermella que queima as células dos ollos e pode provocar cegueira.

 Se non tés unhas gafas especiais, existe unha solución ao alcance de calquera: o método da cartolina perforada

Colle  un folio, un pedazo de cartolina  ou un cartón.
Fai un buratiño no medio cunhas tesoiras ou unha agulla.
Orienta a cartolina cara o sol de tal maneira que a luz entre polo buratiño
Proxecta  a luz sobre un papel branco,  o chan ou sobre unha parede lisa.
Verás unha sombra do eclipse

Fai unha foto do que vexas e traina ao cole para amosar a túa experiencia.