domingo, 28 de abril de 2013

Recibimos unha boa nova


Hoxe déronse a coñecer  os  finalistas do VII premio Espiral de Edublogs e Efrén está de noraboa:  
O noso Bloguesquío está entre eles, con outras cinco bibliotecas, ás que queremos mandar os nosos parabéns; sobre todo á biblioteca do CPI do Rosal "A quinta dos libros", á que acompañamos dende Galiza nesta aventura.

Sabedes a ilusión coa que comezamos esta andaina pola rede. Sabedes tamén que @s que colaborades connosco  e visitades o noso blog,  facedes que esa ilusión se manteña viva e nos dades a motivación para seguir traballando.

Grazas aos membros do xurado por recoñecer o noso traballo, por permitir que a nosa biblioteca estea presente nesa lista de finalistas e por poder compartir con todos os participantes as nosas experiencias e as d@s nos@s alumn@s.

Aprendices de xornalistas

Lede a entrevista que fixeron Yesica, Maria R e Estela a Miguel Ascón, o redactor de La Voz de Galicia  en Ourense que nos visitou hai uns días:

xoves, 25 de abril de 2013

Aniversario da Revolución dos Caraveis

Houbo un día na historia no que as flores silenciaron as armas.
 Foi o 25 de abril de 1974 e sucedeu en Portugal, o noso país veciño.
O levantamento pacífico do exército e a resposta do pobo puxeron fin a 40 anos de dictadura .
"Grândola, Vila Morena" é unha canción composta e cantada por José "Zeca" Afonso que foi escollida polo MFA portugués como sinal da Revolución dos Caraveis.
A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo portugués , e estaba prohibida polo réxime como unha música asociada ao comunismo.
Ás 00.20 horas do día 25 de abril de 1974, a canción era retransmitida pola radio como contrasinal para comenzar a revolución. Esta é a razón pola que esta canción quedou asociada ao comezo da Democracia en Portugal.
caravel convertiuse no símbolo da Revolución. Cando no amencer, as persoas comezaron a xuntárense nas rúas, apoiando aos soldados sublevados, alguén comezou a repartir caraveis vermellos entre os soldados, que rapidamente os colocaron nos canóns das súas armas como símbolo de que non desexaban disparar.
Esta é a orixe do nome dado a esta revolución.

luns, 22 de abril de 2013

23 de abril

Alguén dixo algunha vez que quen regala un libro regala un tesouro.
 Certo é que non hai maior tesouro que a liberdade que proporciona a lectura ao permitir crear o noso propio mundo no que a imaxinación non ten límites e no que a mente viaxa a os lugares máis
recónditos.
Son moitos os que así opinan, e por este motivo existe un día no que se rende homenaxe a este pequeno obxecto creador de soños.
O Día do Libro comezou a celebrarse en 1995 para renderlle homenaxe, pero tamén para impulsar a venda de libros e protexer a propiedade das persoas que transmiten as súas creacións a través da escritura.
Dende entón, o 23 de abril de cada ano celébrase ese día con acontecementos especiais, no que os autores saen ás rúas a asinar as súas creacións ou presentar as novas e no que por tradición se regala un libro.

Esta é a nosa pequena homenaxe: 

Que é un libro? 

  

domingo, 21 de abril de 2013

Día do Libro


Este martes celebramos en todo o mundo o Día do Libro.
Librarías, bibliotecas, escritores, lectoras e lectores dispoñémonos a desfrutar dun día pensado para render homenaxe a un dos máis grandes inventos da historia da humanidade: O LIBRO.
 Poucas cousas hai mellor pensadas; poucas ferramentas máis funcionais e efectivas  para transmitir o coñecemento ou os soños ca un libro.
Que todos os días e non só o 23 de abril sexan Dia do Libro!

xoves, 18 de abril de 2013

Lugares de libro

Cando Xulio Verne tiña só 11 anos, quixo fuxir a India viaxando como polizón nun barco. Seu pai impediullo e fíxolle prometer que nunca máis intentaría facer outra viaxe, a menos que fose coa súa imaxinación.
Grazas a esa promesa podemos ler as máis incribles aventuras xurdidas da imaxinación deste xenial autor.
Pero outros moitos escritores nos teñen levado a lugares que só existen nos seus libros. 
Fíxenvos un resumo con algúns destes lugares. 
Seguro que tendes visitado uns cantos...
En cantos estivestes? 
Coñecedes algún "lugar de libro" máis? 

Abril, mes dos libros


A Biblioteca escolar faise eco da celebración do Día Mundial do Libro o 23 de maio. Para iso, propoñemos as seguintes actividades que realizaremos ao longo de toda a semana.


mércores, 17 de abril de 2013

En abril... Lecturas para todos os gustos.

Compartir libros e lecturas en familia é unha actividade pracenteira. 
Tendes probado?
É moi importante que poñamos aos nos@s fill@s en contacto cos libros dende as idades máis temperás. O fogar ofrece moitas oportunidades para contar historias, ler en voz alta, falar, compartir espazos, momentos e lecturas.
 @s nen@s danlle un gran valor a ese tempo que pais, nais, avós/as ou irmáns maiores ou menores pasan ao seu carón lendo, disfrutando do televisor apagado, cun libro entre as mans.
Déixovos unha receita moi sinxela de facer. Contádeme o resultado:

martes, 2 de abril de 2013

Dia do Libro Infantil

O día 2 de abril dedícase en todo o mundo ao Libro Infantil e Xuvenil para promocionar a lectura e os bos libros entre os máis novos. Conmemórase este día porque é o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, o escritor danés que tanto nos fixo soñar cos seus contos.
 É unha oportunidade especial  para ler un libro a soas ou compartir a lectura cos nosos pais, cos nosos avós, cos nos@s irmáns... 
Cada ano, seleccionan un autor ou autora e un ilustrador ou ilustradora  para que elaboren a mensaxe dedicada a todos os nenos e nenas e o cartel conmemorativo. Este ano, os elixidos foron a mexicana Pat Mora e o estadounidense Ashley  Bryan.

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.

Oímos murmurios 
e ríos buliciosos nas súas páxinas, 
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.

Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.

Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

Poema de Pat Mora
Tradución: Concha Blanco